Monday 29 de April de 2024

O Lehendakari e o presidente da Xunta estudiarán novas vías de colaboración


O lehendakari Iñigo Urkullu mantivo esta mañá, no Palacio de Ajuria Enea, un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no que avaliaron, entre outros temas, a situación económica e novas vías de colaboración entre Galicia y Euskadi.

Os líderes dos executivos vasco e galego coincidiron en sinalar que a prioridade de ambos os gobernos é o desenvolvemento económico e a creación de emprego. E, neste senso, comentaron a posibilidade de colaborar en ámbitos como a industria marítima, a alimentaria, a pesca, o turismo ou a innovación sanitaria.

Urkullo e Feijóo coincidiron en que o sector da industria marítima de Euskadi e Galicia continúa en fase ascendente, recuperándose dos niveis de actividade previos ao conflito do tax lease. O sector naval é un ámbito importante e é por iso que mostraron a súa preocupación pola crise do aceiro. O lehendakari e o presidente de Galicia avogan por unha coordinación de ambos os gobernos nesta materia para facer fronte ao dumping chinés.

O modelo económico que propoñen os executivos presididos por Feijóo e Urkullu prioriza esta e outras actividades industriais como eixes dun crecemento sostido, que debe ter na Administración un axente facilitador. Neste sentido, a aposta pola innovación e a Industria 4.0, que estes territorios veñen desenvolvendo desde hai tempo, constitúe un punto de colaboración con grandes posibilidades cara ao futuro.

A industria alimentaria é tamén outro dos puntos fortes en común entre ambas as comunidades, xa que se trata dun sector competitivo. Existe unha colaboración no sector lácteo e tanto o lehendakari como o presidente da Xunta destacaron a necesidade de analizar novas vías de colaboración.

Así mesmo, ambas as comunidades comparten unha vocación pesqueira que vén de lonxe e que se materializa na existencia duns intereses comúns. A defensa dun reparto de cotas positivo para todos, que aproveite os recursos naturais para xerar o maior emprego e riqueza posibles, é para ambos os territorios unha cuestión prioritaria, que de ningún modo está rifada co compromiso por facer desta unha actividade sustentable e respectuosa co medio.

O turismo de Euskadi e Galicia ten varias similitudes e xa veñen colaborando na promoción e posicionamento do Camiño de Santiago, que se viu reforzada coa recente distinción do Camiño do Norte como Patrimonio da Humanidade. Ademais, as comunidades vasca e galega teñen unhas características paisaxísticas similares.

Durante a xuntanza abordaron tamén a protección do medio ambiente. E, ambos presidentes consideraron oportuno traballar conxuntamente na loita contra o cambio climático a través do arco atlántico.

No referido ás políticas sociais, os dous mandatarios coincidiron na importancia duns servizos públicos de calidade, que ambas as comunidades se esforzaron en manter durante a época de crise, e exploraron novas vías de colaboración para seguir mellorándoos cara ao futuro. Neste senso, cómpre lembrar que o próximo mércores se asinará un convenio de colaboración entre os respectivos servizos de saúde para unir esforzos en materia de innovación sanitaria.

Así mesmo, e en relación á demografía expuxeron as súas respectivas medidas neste eido. Por un lado, a Estratexia de política de familia e infancia, proposto como pacto de país en Euskadi e, polo outro, o Plan de dinamización demográfica de Galicia presentado no Parlamento galego, así como o Programa de apoio á natalidade.

No tocante á situación política do Estado español, ambos compartiron a necesidade dunha estabilidade institucional baseada nos acordos políticos entre os partidos.

O lehendakari Urkullu e o presidente Feijóo, constataron a boa relación que manteñen Euskadi e Galicia, pobos cunha cultura e unha lingua propias e con raíces profundas. Coñeceron tanto a emigración como a inmigración, e Euskadi tamén foi terra de acollida para unha comunidade galega asentada desde hai anos. Esta comunidade é parte do presente e do futuro de Euskadi e os presidentes acordaron traballar cóbado con cóbado por mellorar e progresar nas súas relacións.